Monday 29 de April de 2024

Sesenta veciños e veciñas de Padrón conseguiron a Pedronía tras completar os 25 km entre o Obradoiro e o municipio


Un total de sesenta veciños e veciñas de Padrón participaron este sábado 23 de outubro na Ruta da Pedronía organizada pola Concellería de Deportes padronesa. Estas sesenta persoas completaron os 25 quilómetros que separan a Praza do Obradoiro de Padrón, obtendo así a credencial da Pedronía.

A expedición saíu do Campo do Souto ás 8:00 horas para desprazarse en autobús ata Santiago de Compostela, dende onde iniciaron unha ruta que rememora a antiga ruta de peregrinación xacobea na que os peregrinos finalizaban o camiño en Padrón tras chegar a Compostela. A expedición pasou por numerosos puntos de interese histórico, cultural e paisaxístico tales como a capela da Magdalena (Ames), a carballeira de San Martiño (Teo), Ponte Paradela e o Castro Lupario (Brión), o Pazo do Faramello (Rois) ou os santuarios da Nosa Señora da Escravitude, Santa María A Maior ou a Igrexa de Santiago (Padrón) antes de chegar ao Santiaguiño do Monte.

A concelleira de Deportes, Lorena Couso, destaca “esta ruta é só unha das moitas iniciativas que organizamos ao longo do ano dende o Concello de Padrón para promover a Pedronía e defender a Padrón como berce do Xacobeo”.